Tuesday 17 de September de 2024

A Aldea de Verán de San Sadurniño asaltou o castelo de Moeche antes que ninguén


O campamento estival de conciliación visitou este xoves a fortaleza modestina

Moeche celebra esta fin de semana unha nova edición (e van 45) do Festival Irmandiño. Un dos grandes eventos culturais do verán que nos evoca a revolta campesiña e fidalga que sacudiu Galicia no século XV. A organización ten previsto un amplo programa de actividades desde o venres até o domingo, entre eles as dúas recreacións lúdicas do asalto á fortaleza, unha o sábado á tarde para a rapazada e outra de madrugada para todos os públicos e iluminada polos fachos. Porén, hoxe á mañá as nenas e nenos da Aldea de Verán de San Sadurniño anticipáronse á conquista do castelo ao berro de “lumeeee” despois de descubriren unha chea de cousas sobre o edificio e a súa historia.

O grupo, formado por unha vintena de cativos e cativas canda as súas monitoras, chegou preto das once da mañá ao fondo de Moeche. Por eles e elas agardaba Ramón Carballeira, técnico de Turismo do concello veciño, quen lles fixo unha pequena introdución no patio de armas sobre o lugar no que se atopaban para logo iniciar o percorrido polas distintas estancias, incluído o paseo de ronda superior e a azotea da torre da homenaxe, punto máis elevado do castelo de Moeche.

Ademais de explorar todos os recunchos, a expedición da Aldea de Verán tamén visitou o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, onde se repasa a evolución construtiva da fortaleza e tamén os distintos momentos históricos polos que pasou ata ser destruída no século XV e despois volta a erguer para non ser habitada nunca máis.

Canda os contidos sobre a edificación e as guerras irmandiñas, este espazo do castelo de Moeche cumpre ademais a función de centro interpretativo da banda sur do Xeoparque do Cabo Ortegal, sobre o que o Técnico de Turismo tamén lles deu aos pequenos unha breve explicación como complemento da mostra sobre o toelo -a rocha propia e case exclusiva desta zona- que pode visitarse durante estes días.

A viaxe da Aldea de Verán a Moeche forma parte das actividades lúdicas e educativas deste programa estival de conciliación organizado polo Concello de San Sadurniño. Na quenda de agosto do campamento participan 25 nenas e nenos. De luns a venres -agás festivos- xogan e aprenden cunha chea de propostas que traballan a creatividade, o desenvolvemento psicomotor e, con carácter transversal, a igualdade, a empatía, a colaboración e o respecto, entre outros.

A base das actividades encóntrase no ximnasio do CPI de San Sadurniño, aínda que tamén se fan saídas pola zona urbana de San Sadurniño -os xardíns municipais, a zona da Cortiña, etc.- e excursións máis longas, coma a de hoxe a Moeche ou a que van facer a semana que vén á Casa do Mel de Goente.

A Aldea de Verán conta este ano cunha subvención de algo máis de 10.000 euros do Plan Corresponsables financiado pola Consellaría de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Igualdad. Unha contía que axuda ao sostemento dun servizo custeado polo Concello e polas familias usuarias.